Monday 06 de May de 2024

O IX Encontro de Bandas Concello de Lousame celebrarase o domingo 30 de agosto


A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, presentou este mediodía a novena edición do Encontro de Bandas Concello de Lousame, que se celebrará o domingo 30 de agosto no campo da festa de San Roquiño. Na presentación estivo acompañada polo presidente da Asociación Cultural Prudencio Romo, Ángel Vilas; polo director da Banda de Música Municipal de Lousame, Fernando Froján; por Francisco Calvo, un dos músicos máis veteranos desta formación; e polo técnico de Cultura do Concello, Eduardo Agraso.

O Encontro comezará ás 18 horas e contará coa participación da Banda de Música de Arzúa, da Banda de Música Municipal de Caldas de Reis e da Banda Municipal de Música de Lousame. En total, 135 músicos para unha actuación conxunta que agarda máis dun milleiro de espectadores. O evento, unha das principais citas culturais do verán no municipio, realízase un ano máis como homenaxe á memoria de Prudencio Romo, compositor e intérprete falecido en 2007 e que, entre outros cometidos, exerceu como director musical do grupo Los Tamara.

Teresa Villaverde destacou que a figura de Prudencio Romo “nunca foi suficientemente recoñecida e merecería unha disntinción incluso a nivel galego”. A rexedora de Lousame ensalzou a faceta de Romo como pedagogo: “hai moitos rapaces e rapazas que se dedican hoxe en día á música ou que forman parte de escolas de música e de bandas grazas a Prudencio, que foi a persoa que sementou en todos eles o interese e o amor pola música”.

Neste sentido, a alcaldesa indicou que esta nova edición do Encontro de Bandas debe servir para “darlle novos folgos á escola de música, que suma medio cento de alumnos, e á banda municipal”, co propósito de contribuír á educación dos máis novos, a dinamizar a cultura na localidade e a levar o nome de Lousame a todos os lugares onde actúen.

Villaverde anticipa que o Concello traballa xa nun grande acto para celebrar o vixésimo aniversario da banda de Lousame, o vindeiro 2016. “Estamos xa cos preparativos e agardamos que sexa un acto do agrado de todos”, manifestou a alcaldesa, que agarda a colaboración de todas as persoas, sobre todo os músicos, que durante estas dúas décadas formaron parte da banda.

Bandas participantes
A Banda de Música Municipal de Caldas de Reis cumpre dez anos este mesmo mes de agosto. Na actualidade está dirixida por Daniel Portas González e conta cuns sesenta músicos, entre os dez e os vinte anos de idade, formados maioritariamente na escola municipal de música de Caldas. Conta cunha banda xuvenil, duns trinta integrantes, que serve de canteira para a agrupación principal. En abril de 2015 presentou o seu primeiro traballo discográfico, titulado ‘X Aniversario, 2005-2015’.

A Banda de Música de Arzúa está dirixida por Jesús Alberto García Medraño desde 2012, cando a entidade foi renovada profundamente e incorporou unha gran cantidade de nenos e nenas que estudan no conservatorio. Nos últimos anos non para de medrar o número de compoñentes desta agrupación, que xa superan os cincuenta. .

A Banda Municipal de Música de Lousame presentouse no Día das Letras Galegas de 1996, despois de ano e medio de formación previa a través da Escola Municipal de Música. No seu momento, recolleu a tradición musical do concello, que historicamente tivo bandas en parroquias como Camboño e Tállara. Na súa primeira formación, de 25 compoñentes, estaba dirixida por Prudencio Romo. Na actualidade, suma 45 participantes. Destaca que en 2011 acadou o segundo posto na sección terceira do Certame Galego de Bandas de Música e o premio á mellor interpretación dunha obra galega coa obra ‘O demo de Carboeiro’, de Manuel Blanco Dosil. Na actualidade dirixe Fernando Froján.